Publicada a listaxe dos finalistas ós premios Galicia Innovación Junior

xoves, 3 de maio do 2007 Raquel Noya

A quinta edición dos premios Galicia Innovación Junior xa ten finalistas. Así o vén de anunciar a Consellería de Innovación e Industria, que publicou na súa páxina web unha listaxe co nome dos 8 seleccionados para cada categoría (unha para moz@s de 12 a 15 e outra para moz@s de 16 a 18 anos) que aspiran a facerse co galardón que outorga este departamento da Xunta a través da súa Dirección Xeral de I+D+i.
Este premio é unha iniciativa do programa de Comunicación e Sensibilización Social do Plan Galego de I+D+i (IN.CI.TE) e ten como obxectivo principal estimular o espírito creativo e a capacidade innovadora dos máis novos. Nesta edición houbo máis de 130 solicitudes, das cales a maioría corresponderon á categoría de 12 a 15 anos.
O xurado (composto principalmente por mestres de secundaria das áreas de ciencias e tecnoloxía) valorou os traballos en función da aplicación dos coñecementos adquiridos polos participantes na súa vida académica, así como a súa orixinalidade, utilidade e posibilidade de aplicalos á práctica.
A meirande parte das ideas propostas polos participantes estaban orientadas a mellorar obxectos da vida cotiá, optimizar recursos, facilitar a realización de tarefas, evitar accidentes, mellorar as condicións de vida dos discapacitados ou coidar do medio ambiente.
Agora, unha vez publicada a relación de finalistas, estes deberán presentar (no prazo dun mes) o desenvolvemento das súas ideas a través de maquetas, bosquexos...
Os gañadores do primeiro premio na categoría de 12 a 15 anos levarán un ordenador portátil e unha cámara de fotos dixital e os da categoría de 16 a 18 anos serán obsequiados cun reprodutor de música dixital con disco duro ou memoria flash; o segundo premio de cada unha das categorías recibirá un ordenador portátil.
Ademais dos obsequios en material electrónico e informático, os gañadores do primeiro premio de ámbalas dúas categorías recibirán un informe de patentabilidade da idea proposta realizado pola Oficina Española de Patentes e Marcas, así como coa redacción da solicitude de patente e o pagamento da taxa de solicitude correspondente, se estivese interesado en solicitala.
A listaxe con tódolos premiados farase pública no vindeiro mes de xuño a través da páxina web da Consellaría e na páxina específica do premio Galicia Innovación Junior.