Talentos Inclusivos (CITIC) recibirá o Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento

venres, 12 de xuño do 2026 S. P.

O vindeiro martes 16 de xuño (a partir das 11.30 horas) a sala Agustín Magán do compostelán centro sociocultural de Santa Marta acollerá a gala de entrega de galardóns do Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e Cidadanía Global.
O evento ofrecerá a exposición pública dos proxectos premiados, ademais da entrega de diplomas a alumnado e profesorado impulsor dos mesmos e un distintivo para cada centro educativo, elaborado polo obradoiro artesán de deseño e elaboración de xoias Silvereira. Entre as entidades premiadas está o CITIC da UDC por Talentos Inclusivos, o revolucionario proxecto de tecnoloxías sen barreiras para favorecer a autonomía e a calidade de vida das persoas con discapacidades.
Vinte candidaturas e tres proxectos premiados
O Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e Cidadanía Global recibiu nesta cuarta edición vinte candidaturas. Sete delas correspondentes á categoría A (Infantil e Primaria), nove á categoría B (ESO, Bacharelato e FP) e catro á categoría C (universidades).
O xurado, composto por seis profesionais da cooperación, o ensino e a educación para a cidadanía global, acordou distinguir os proxectos Non sempre se nace onde se pace na categoría A, desenvolvida conxuntamente polo CEIP A Canosa-Rus (Coristanco) e o CEIP Xesús San Luis Romero (Carballo); Cultivando conciencias, colleitando futuros na categoría B, do IES Plurilingüe de Valga, e Talentos Inclusivos na categoría C, do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña.
Cultura solidaria, cooperación e mirada intercultural
O proxecto intercentros Non sempre se nace onde se pace pon o foco, entre outras cuestións, na cultura da solidariedade e a cooperación dende unha perspectiva intercultural. Faino a través da historia ficticia de dúas mulleres migrantes que chegan a Galicia dende América e sobre a que se artellan diversas actividades nas que participou de xeito coordinado alumnado de Infantil e Primaria dos colexios públicos A Canosa-Rus de Coristanco e Xesús San Luis Romero de Carballo, ambos na provincia da Coruña.
Tamén sobre a interculturalidade e as aprendizaxes compartidas pivota o proxecto Cultivando conciencias, colleitando futuros, no que alumnado do Ciclo Básico de Agroxardinería e Composición Floral e do Ciclo Medio de Xardinería e Florería do IES Plurilingüe de Valga (Pontevedra) desenvolveu un proxecto inspirado nos xardíns circulares Tolou Keur de Senegal, adaptando esta idea ao contexto galego e promovendo a biodiversidade e prácticas sostibles. Contando no proceso coa participación da comunidade senegalesa da localidade.
Pola súa parte, o proxecto Talentos Inclusivos achega a ciencia e a tecnoloxía dende o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña a alumnado non universitario. O obxectivo desta proposta é espertar vocacións STEM e desenvolver competencias dixitais con impacto social a partir de retos reais, facilitados por persoal e usuarias de diversas asociacións galegas.
Ademais de diplomas para alumnado e profesorado e un distintivo para os centros dos tres proxectos premiados, o premio ofrece por segundo ano unha viaxe a proxectos de cooperación internacional en Guatemala a dous profesores/as de cada proxecto gañador. Deste xeito, seis docentes poderán coñecer de primeira man o traballo da cooperación galega nun país do Sur Global seguindo a experiencia da anterior edición, na que viaxaron ao país centroamericano profesoras da Facultade de Educación da Universidade da Coruña, do IES O Couto (Ourense) -en substitución do primeiro premio na súa categoría, o IES Luís Seoane (Pontevedra)- e do CEIP López Ferreiro (Compostela).
O Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e Cidadanía Global conta co respaldo e co financiamento da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia. Nas súas catro edicións recibiu un total de 77 propostas de educación para a transformación social.