O proxecto galego e-Hospital volve a recoller un premio internacional

xoves, 7 de maio do 2009 Raquel Noya

O proxecto e-Hospital, que desenvolve o CESGA en colaboración co Grupo de Investigación en Tecnoloxía Educativa da USC mailo Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, vén de recibir o prestixioso galardón European Lifelong Learning Award, en recoñecemento ao seu labor de formación continua mediante e-learning de doentes adultos hospitalizados de longa duración.
e-Hospital, que foi seleccionado pola Comisión Europea como un dos tres proxectos Grundtving máis destacados en todo o vello continente, fíxose co recoñecemento internacional pola súa contribución á innovación e creatividade na proposta.
O premio, que os responsables da iniciativa recibiron de mans do Comisario de Educación, Cultura e Xuventude da Comisión Europea, Ján Figel e do ministro de Educación checo, Ondej Liska, foi concedido en Praga no marco da Conferencia Europea sobre Innovación e Creatividade no Programa de Aprendizaxe Permanente, e compartiu protagonismo con outros 18 galardoados nas categorías de: Comenius, Erasmus, Grundtvig, Leonardo dá Vinci, Linguas e Tecnoloxías de Información e Comunicación (TIC).
A experiencia piloto e-Hospital española xa fora recoñecida no ano 2007 co premio Computerworld que outorga unha relevante publicación do sector das Telecomunicacións, onde se destacou o labor do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña como a institución pública que máis impulsou ese ano o uso das TIC para o benestar dos cidadáns. Tamén o Observatorio de Boas Prácticas Universitarias e Compromiso Social da Global University Network for Innovation (GUNI) promovido pola UNESCO, United Nations University (UNU) e a Universidade Politécnica de Cataluña (UPC), seleccionaron o estudo piloto español como exemplo de Boa Práctica.
Por outra banda, no ámbito internacional o proxecto foi galardoado hai uns meses co mais prestixioso premio á educación de adultos que concede o Ministerio de Educación, Ciencia e Cultura de Austria como a iniciativa con maior potencial innovador para a educación de adultos de entre 66 propostas presentadas ao galardón.