O Programa ConCiencia seduce á Comisión Europea

xoves, 15 de xullo do 2010 Raquel Noya

Intervención de Jorge Mira nos Debates Galicia Europa

O físico e investigador galego Jorge Mira, que malia a ser máis coñecido no noso país por colaborar con enxeño e moito humor no programa Cifras e Letras da TVG, é unha das persoas que máis se preocupa por divulgar a cultura científica na nosa Terra, sobre todo á fronte do Programa ConCiencia, que, precisamente, vén de presentar perante a Comisión Europea.
En concreto, Mira mantivo un encontro coa xefa da Unidade de Cultura Científica do devandito organismo, Luisa Prista, na que estivo acompañado polo director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo. O profesor Mira atópase en Bruxelas convidado pola Fundación Galicia Europa co obxectivo de coñecer de preto o funcionamento das institucións comunitarias no eido da ciencia e a innovación, así como para asistir como relator ao segundo Debate Galicia Europa que se organiza en Bruxelas.
O Programa ConCiencia, desenvolvido polo Consorcio de Santiago en colaboración coa USC, conta este ano co apoio do Xacobeo 2010, e vai traer ao noso país ao naturalista David Attenborough, tal e como adiantamos hai uns meses nesta web.

Jorge Mira, Luisa Prista e Jesús Gamallo

Con este programa xa foi posible traer a Galicia a 19 persoas distinguidas co Premio Nobel ou equivalente en Matemáticas e Ciencias da Computación e asemade, concederlle os Premios Fonseca, (que se outorgan a grandes figuras da comunicación e a divulgación científica) a persoeiros como Stephen Hawking no 2008 ou James Lovelock no 2009. Trala presentación desta iniciativa galega, Jorge Mira interesouse por outras actividades semellantes xestadas a nivel europeo e polas posibilidades de financiamento comunitario, comentando o orgullo que sentía ao “abrir unhas portas que para min eran absolutamente descoñecidas”, portas que, segundo afirmou, “abren posibles vías de proxección de ideas”.
Pola súa banda, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, sinalou: “teño a impresión de que a responsable da Comisión quedou moi impresionada polo Programa ConCiencia e os resultados acadados, e abriu vías para o posible financiamento de actividades relacionadas coa divulgación que leva a cabo o profesor Mira”.
Durante o Debate Galicia Europa, no que Mira foi convidado de honra, o profesor interviu perante a meirande parte dos galegos afincados en Bruxelas, apuntado as claves do Programa ConCiencia, que cun orzamento moi limitado, achégalle a ciencia á cidadanía, empregando a comunicación como ferramenta, “e creando unha rede forte de excelencia científica en Galicia”.