O Goberno fomenta a incorporación das TIC no sector hoteleiro e de turismo rural
xoves, 14 de xullo do 2011
O Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, a través de Red.es, vén de poñer en marcha un Programa de apoio á incorporación da tecnoloxías en pequenas e medianas empresas hoteleiras e de aloxamento de turismo rural, que se desenvolverá en Galicia e noutras 10 Comunidades Autónomas.
O programa conta cun presuposto de 8,3 millóns de euros que se investirán no apoio á difusión das novas tecnoloxías nestes establecementos e na achega de solucións tecnolóxicas enfocadas a catro áreas fundamentais da cadea de valor do sector turístico, que son as reservas, a xestión da estancia, o marketing e a atención postvenda.
A acción estrutúrase en torno a tres iniciativas de apoio ás empresas: o desenvolvemento dun Proxecto Demostrador, a través do cal poderán acceder a solucións concretas para mellorar o seu negocio e a servizos de asesoramento; a organización e celebración de obradoiros de capacitación, que lle permitirán aos profesionais do sector formarse no uso das TIC; e o desenvolvemento dunha web de apoio onde os beneficiarios do proxecto poderán atopar máis información.
Realización dun Proxecto Demostrador
Esta iniciativa está enfocada a autónomos e responsables de pequenas e medianas empresas (de ata un máximo de 49 empregados) do sector hoteleiro e casas rurais, os cales recibirán formación sobre o uso das novas tecnoloxías aplicadas á xestión dos seus negocios. Os beneficiarios poderán escoller ata un máximo de dúas das seguintes solucións tecnolóxicas e servizos de asesoramento: Solución de xestión da propiedade, Consultoría web, Consultoría de marketing dixital ou Consultoría de calidade e procesos.
O goberno estima que serán do redor de 500 as empresas que se beneficien desta iniciativa, as cales serán seleccionadas mediante convocatoria pública.
Organización de talleres de capacitación
No marco deste proxecto tamén se desenvolverán unha serie de sesións de carácter práctico dirixidas a uns 900 destinatarios, nas que poderán participar todo tipo de empresas do sector hoteleiro e do turismo rural, e non só as beneficiarias do devandito Proxecto Demostrador. O principal obxectivo desta acción é ofrecerlle ás empresas as claves para o emprego das distintas canles de distribución a través de Internet, así como formalas no uso de canles de busca e de reserva en liña.
Creación dun portal de apoio
En terceiro lugar, a iniciativa contempla a creación dun espazo web no que se ofreza información de utilidade para os seus usuarios. Os empresarios e empresarias interesados poderán atopar nel información sobre a iniciativa, o sector, manuais formativos e exemplos de boas prácticas enfocadas ao eido do turismo rural e hoteleiro, que van dende a fidelización de clientes ata o posicionamento web ou a xestión de calidade en liña.
Dende Red.es afirman que o nivel de desenvolvemento e implantación das TIC no sector hoteleiro e de turismo rural “é heteroxéneo”, xa que por unha banda España conta con cadeas hoteleiras pioneiras en innovación e na implantación das TIC, e pola outra (na súa gran maioría) o sector está composto por pequenas empresas que “aínda responden de maneira tardía ás novas tecnoloxías, e precisan un maior apoio neste sentido”.
As principais carencias tecnolóxicas destes establecementos son as relativas á interconexión con canles de venda, á xestión electrónica da planificación, á xestión das tarifas e ofertas e a diversos aspectos relacionados co check in e check out, nos que as TIC teñen que achegar moito e nas que se vai avanzar grazas a este programa ofertado polo Goberno Central.
