O CXG convoca un concurso de dedicatorias en galego a través do correo electrónico

mércores, 4 de abril do 2007 Raquel Noya

Se o 17 de maio é o Día das Letras Galegas e tamén o Día Internacional de Internet, non semella ser unha mala iniciativa a de convocar unha actividade web que interrelacione ambos termos. En Código Cero é algo polo que vimos apostando con máis ou menos fortuna dende a nosa aparición alá polo ano 2002, no que comezamos a mesturar sen descanso a lingua galega coas novas tecnoloxías. Agora, o Consello de Xuventude de Galicia, a través do seu Servizo de Normalización Lingüística, porá en funcionamento a 1ª Edición de Lingua de amor, un concurso de declaracións de amor en galego a través do correo electrónico que premiará aquelas mensaxes que (sen saturármonos de azucre) cheguen a conquistar o corazón dos membros do xurado.
A partires do vindeiro luns 9 de abril os participantes poderán deixar as súas mensaxes de amor (xunto cos datos persoais) na páxina web do CXG e, logo do 1 de maio, estas ficarán a disposición de tódolos internautas en linguadeamor.eu, unha páxina que polo de agora aínda está en proceso de creación.
Os namorados virtuais optarán a tres premios que se entregarán con cadanseu lote de libros (como non) en galego. O primeiro recibirá unha videocámara Mini DV Samsung VPD36; o segundo, unha cámara Sanyo PSDCN912 e o terceiro un MP4 Blusens 1027.