Madrid acolle esta fin de semana a máis de 200 expertos en Android
xoves, 11 de febreiro do 2010
A Universidade Rey Juan Carlos I de
Madrid, vai reunir, o vindeiro sábado día 13 de febreiro no seu campus de
Fuenlabrada, a máis de 200 expertos en Android (o sistema operativo de Google para
teléfonos móbiles) que se achegarán á capital para descubrir as vantaxes desta
ferramenta e atoparlle novos usos e utilidades.
O Android
Developer Lab, que así se chama o evento, está coorganizado polo grupo GSyC/Libresoft, e será impartido por Reto Meier,
autor do libro Professional Android
Application Development 2 e promotor desta tecnoloxía na zona de Europa,
Oriente Medio e África.
A URJC foi
pioneira no uso de Android na docencia pois xa no
seu Máster Universitario Oficial en
Sistemas Telemáticos e Informáticos proporcionouselle aos estudantes un
teléfono móbil HTC Magic con
este sistema operativo para que realizasen as prácticas da materia Redes, Aplicacións e Servizos en Internet.
O código de Android é Open
Source, distribuíndose o seu código fonte coa licenza Apache v2. O sistema operativo Android
utiliza un kernel GNU/Linux sobre o cal corre a máquina virtual Dalvik, que ofrece aos programadores de aplicacións un
ámbito de programación Java dende a cal se pode programar calquera
funcionalidade do teléfono, incluíndo a realización de chamadas, envío de
mensaxes SMS, acceso á cámara, GPS…
