IDC e Tecnocom auguran un sector tecnolóxico a proba de crises
martes, 4 de novembro do 2008
Segundo datos
extraídos dun recente estudo realizado por IDC España, co patrocinio de Tecnocom, a
crise económica actual “vai ter un menor
impacto no investimento en tecnoloxías da información das grandes
corporacións”.
IDC chegou a esta
conclusión logo de entrevistar a directores TI entre os principais clientes de
Tecnocom en España. O desenvolvemento do estudo e a análise das entrevista deu
lugar, segundo os seus responsables, a tres interesantes informes: As grandes organizacións ante a nova
situación económica, O reto da flexibilidade; novos modelos de sourcing e As TI
como servizo, o desafío da xestión”.
O primeiro deles,
resalta o efecto desigual da crise económica nos distintos sectores de
actividade e dentro destes as súas distintas empresas. Asemade, en termos
xerais, indica, “as grandes corporacións
españolas seguirán a investir en TI non só para reducir os seus custes
operativos a curto prazo, senón tamén para, a medio prazo, fomentar a
innovación”.
O segundo
informe, O reto da flexibilidade; novos
modelos de sourcing, identifica unha área de investimento: o sourcing selectivo, que permite que as
empresas poidan xestionar, a curto prazo, a complexidade TIC existente do xeito
máis eficiente, dentro dun contexto que esixe redución de gastos e axuste dos
presupostos TIC operacionais. A medio prazo, o sourcing selectivo tamén permite, segundo afirman, que as empresas
“poidan innovar e transformar tecnoloxicamente
os procesos de negocio, a competitividade en custes/marxes, a penetración de
novos mercados e a colaboración do xeito máis eficiente posible na cadea de
valor”.
A área de
investimento analizada no terceiro informe do estudo, As TI como servizo, o desafío da xestión, céntrase en arquitecturas
orientadas a servizos, que, a curto prazo, están xerando nas empresas un aforro
de custes derivado do reemprego de activos tecnolóxicos e que, a medio prazo,
permite obter un meirande grao de innovación nas mesmas.
