Descende o uso de software ilegal na nosa terra

martes, 1 de febreiro do 2011 Raquel Noya

Business Software Alliance (BSA), a compañía encargada de velar polo bo funcionamento do mercado do software a nivel mundial, tarefa nada doada dende que ás empresas e particulares se lles dou por piratear os programas que empregan en troques de mercalos, vén de presentar os datos extraídos do Segundo Informe da consultora IDC sobre Piratería de Software no noso Estado, que segundo adiantan, “pon de manifesto unha leve mellora en doce rexións que diminuíron os seus niveis de software ilegal, cinco que os manteñen e ningunha que experimentara un incremento”.
Porén os datos non son tan optimistas como se podería pensar nun primeiro momento xa que profundizando un pouco no estudo (e sen entrar en máis detalles), comprobamos que en España mantense unha diferencia de ata 30 puntos entre as comunidades con maior e menor tasa de piratería, que son Andalucía, cun 58 por cento, e Navarra, cun 28 por cento de actividade con software ilegal.
Os datos tamén indican que catro comunidades aínda están por enriba do 50 por cento e que tan só dúas están por debaixo do 35 por cento, que é a media europea de uso de software pirata.
Dende que se presentou o primeiro estudo destas características, hai agora dous anos, os investigadores detectaron un “lixeiro progreso a nivel nacional”, porén, segundo indican, “segue a haber rexións nas que a piratería de software ten niveis dramáticos que non son propios dun país desenvolvido”.
Asemade, segundo destacou Luis Frutos, presidente do Comité Español de BSA, “en xeral avanzamos moi pouco e o nivel de software ilegal nas empresas é moi elevado na maioría das Comunidades Autónomas españolas”.
Aquí no noso país, que é o que realmente nos toca de preto pois non podemos ser responsables do uso que fagan do software noutras Comunidades, estamos moi lonxe dos índices de piratería que se manexan en Andalucía ou Extremadura (á cabeza do ranking) e mantémonos nun modesto noveno posto, cun 41 por cento de uso de programas piratas, un punto porcentual por debaixo da media nacional.
Asemade, cabe salientar que dende o último informe (no ano 2007), a nosa Comunidade pasou do sétimo ao noveno posto, intercambiando posición con Rioxa.
Cabe destacar que as Comunidades que lideran este ranking, con porcentaxes por enriba do 50 por cento (Andalucía, Extremadura, Comunidade Valenciana e Castela a Mancha), están situados ao nivel de países como Grecia (58 por cento), Exipto (59 por cento) ou Colombia (55 por cento) e que, pola contra, Navarra, que é a única que está por debaixo do 30 por cento, segue a liña de Noruega (29 por cento) e Holanda (28 por cento).
Malia ao carácter negativista deste informe, esta é a primeira vez que España mantén o seu índice de piratería por debaixo da media mundial, situado nun 43 por cento, e as expectativas son “seguir a traballar para reducir esta tasa ata lograr equipararnos aos países máis avanzados do noso entorno”, conclúe Frutos.