Comeza a conta atrás para a entrega dos premios cON Iniciativa Galicia

luns, 15 de febreiro do 2010 Raquel Noya

Mañá martes, 16 de febreiro, o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, situado na Rúa Airas Nunes de Santiago de Compostela, vai dar acollida ao acto de entrega de premios do II Concurso Autonómico Mayores cON Iniciativa Galicia 2009, que organiza Fundetec para recoñecer o esforzo dos axentes sociais que se preocupan por fomentar a inclusión das persoas maiores na Sociedade da Información, así como a propia implicación dos maiores participantes.
No acto, que dará comezo a partir das 11:00 horas, interverá a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, así como a secretaria xeral de Familia e Benestar, Susana López Abella e a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, as cales coñecerán de primeira man as iniciativas presentadas na nosa Comunidade.
De entre un total de 10 proxectos orixinais de Galicia destinados a favorecer o achegamento deste colectivo ás novas tecnoloxías, o xurado escollerá as tres mellores, que recibirán cadanseu trofeo tecnolóxico e pasarán á final nacional do Concurso xunto coas mellores iniciativas do resto das comunidades autónomas participantes, da que sairá un único gañador.
Na imaxe, os gañadores desta edición do concurso en Cantabria.