As vendas de Microsoft aumentaron a 20.000 millóns de dólares na recta final de 2010

venres, 28 de xaneiro do 2011 Fernando Sarasketa

Non deixa de ser curioso que entre un panorama de medre xeneralizado de software libre, as empresas abandeiradas da programación pechando dean con fórmulas para acadar máis beneficios ca nunca. E todo isto nunha situación mundial de crise que teoricamente debería levarnos a buscar produtos máis baratos, máis accesibles e menos gravosos con licenzas e dereitos (produtos de software libre). Malia todo, Microsoft foi quen de medrar e, segundo fai saber, acadou un novo record en 2010 no que a vendas se refire: ata case 20.000 millóns de dólares entre outubro e decembro. A resposta a todo isto non hai que buscala no seu software, senón máis ben no Kinect, sistema de control de videoxogos que non precisa mandos e que está a ser o motor de vendas da multinacional.
O Kinect (do que se venderon 8 millóns de unidades en só dous meses) e máis outras estratexias (como por exemplo o lanzamento do Windows Phone 7) foron quen de achegarlle á firma un 4,89% máis de vendas na recta final de 2010 con respecto aos datos do ano anterior, preto dun 4% por enriba do que estimaban os especialistas internacionais de mercado. Microsoft tamén impulsou o beneficio en participacións no mercado en 0,77 dólares por acción. Por certo que as vendas do Kinect tamén tiveron unha influenza positiva en dispositivos previos, como por exemplo as consolas Xbox 360, que pasa por ser o único aparello compatible co devandito lanzamento.