A nova versión do espazo Abalar permite a participación online das familias

xoves, 27 de xaneiro do 2011 Raquel Noya

Espazo Famlias facilitará aos pais facer un seguimento da vida académica dos seus fillos

Co principal obxectivo de fomentar a participación e a comunicación en Rede de toda a comunidade educativa ao tempo que se integra a participación das familias no sistema de ensino galego mediante as TIC, a Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria vén de actualizar e incorporar novas funcionalidades ao espazo Abalar, convertíndoo nunha plataforma renovada con sitio para os pais e titores dos alumnos.
Xa que logo, dende hoxe o espazo Abalar conta cun novo lugar para aqueles docentes que sexan titores dalgún grupo de alumnos matriculados nun centro Abalar e increméntanse as funcionalidades dispoñibles ás que teñen acceso os pais e nais destas alumnas e alumnos. Asemade, estase a incrementar de forma continua o repositorio de contidos educativos dixitais, que actualmente conta con 640 recursos, e modificouse a páxina de inicio para ofrecer información puntual das novidades do Proxecto ABALAR.
De maneira concreta, o novo espazo Profesores permítelle aos docentes realizar o desenvolvemento de actividades de seguimento e control diarias dunha maneira doada e práctica e facilita o intercambio de información e a comunicación cos responsables dos alumnos, sempre que os centros habiliten o servizo previamente.
Entre outras cousas, a nova ferramenta permítelle aos profesores a consulta en liña dos seus datos persoais, permite levar a cabo un control dos xustificantes das faltas de asistencia enviados vía electrónica polos pais, nais e titores legais dos nenos, a xestión das citas de titoría e o envío de avisos xerais aos responsables dun grupo de alumnos ou incidencias personalizadas aos mesmos.
Por outra banda, a través do espazo Familias, os responsables dos rapaces e rapazas poderán realizar un seguimento máis exhaustivo da vida académica dos seus fillos, podendo acceder a información sobre materias que están cursando, as cualificacións académicas obtidas nas diferentes avaliacións, as faltas de asistencia ou o servizo de comedor e transporte de maneira virtual.
Asemade, as nais e os pais poderán xustificar as faltas de asistencia e solicitar citas de titoría en liña, así como coñecer as incidencias máis relevantes dos seus fillos e os avisos que afecten ao grupo de alumnos ao que pertenzan a través de notificacións enviadas polos titores dos mesmos. Sempre que os pais e nais o desexen, estes avisos serán recibidos por medio dun correo electrónico.
Adicionalmente, o espazoAbalar foi redeseñado e agora introduce unha nova pantalla de inicio na que os usuarios poderán estar ao tanto das últimas novas referidas ao Proxecto ABALAR e aos avances na integración das TIC na práctica educativa galega.
Tamén se publican nela os recursos dixitais máis actuais e relevantes incorporados ao repositorio, e ordénanse e clasifícanse os contidos do espazo Abalar dunha forma práctica para facilitar aos axentes a busca da información e dos servizos que precisen.
O departamento de Educación, xunto coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, xa están a traballar na terceira versión do espazoAbalar por tratarse dun proxecto que, segundo afirman, “precisa de actualizacións e enriquecementos periódicos”.