A galega Trocobuy consolídase como a alternativa financeira para empresas e emprendedores

martes, 3 de xullo do 2012 Raquel Noya

A plataforma galega Trocobuy, posta a andar por Vigiliam a comezos de ano baixo o nome de Trocobank, vén de consolidarse como a solución ideal para empresarios, autónomos e emprendedores que buscan realizar operacións comerciais sen necesidade de dispor de diñeiro en efectivo, ao contar xa coa participación de máis de 1.200 empresas de todo o territorio nacional, e cun volume de crédito total de 8,3 millóns de euros.
Este mercado alternativo, que leva a cabo as súas propias operacións de compra-venda á marxe dos circuítos bancarios tradicionais, atópase agora na súa segunda fase de desenvolvemento, na que se introduciron melloras, se redeseñou a pantalla de acceso e se perfeccionou o buscador, sendo agora máis efectivo.
Asemade, o sistema permite ver, de xeito doado, a listaxe dos últimos produtos e servizos que entraron a formar parte da plataforma, permitindo así entrar en contacto con novas empresas e potenciais clientes cos que formar unha nova cadea produtiva.
A isto haberá que engadirlle, en breve, a posibilidade de acceder á plataforma dende o teléfono móbil, podendo realizar así as operacións comerciais con Trocobuy dende calquera lugar sen necesidade de atoparse na oficina ou local comercial. No desenvolvemento desta aplicación móbil está a traballar a empresa galega TeixuAPPS, nunha mostra maxistral máis das sinerxías dos proxectos empresariais tecnolóxicos logradas aquí en Galicia.
Trocobuy é un sistema alternativo de crédito que o seu equipo responsable cualifica de “solidario, seguro e transparente”, o cal funciona como un gran mercado multisectorial de empresas que compran e venden produtos e/ou servizos sen necesidade de recorrer á tesourería.
A intención de Vigiliam cando puxo a andar a plataforma non era outra que axudar aos empresarios e emprendedores galegos a superar os seus problemas de financiamento (moi comúns arestora lamentablemente), e conseguiuno grazas á súa aposta por crear cadeas produtivas que permitían converter os activos correntes das empresas en instrumentos financeiros. Deste xeito, cada partícipe pode adquirir neste mercado os bens e/ou servizos que precise, “sen recorrer á súa tesourería”, aseguran, coa confianza que ofrece o feito de que tódalas entidades participantes desen a súa palabra de aceptación das condicións.
O sistema, que se basea na colaboración e solidariedade das entidades e suxeitos participantes, logrou que moitas empresas puideran manter a súa actividade económica nun contexto de crise económica sen precedentes no noso país, e continuará a súa actividade ofrecendo vantaxes de financiamento “con transparencia e seguridade”, aseguran.