A AGASP convoca un curso de Autocad a través de Internet

mércores, 3 de outubro do 2007 Raquel Noya

A Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) vén de convocar un curso de Autocad para a elaboración de atestados e dispositivos de tráfico que se desenvolverá a través da Rede do vindeiro 22 ó 30 de novembro.
O devandito curso, que oferta un total de 50 prazas, vai dirixido ó persoal das forzas e corpos de seguridade en xeral, con preferencia ós membros das policías locais e da policía autonómica que non teñan feito ningún curso a través desta modalidade.
Os obxectivos do mesmo son “o perfeccionamento dos coñecementos de expresión gráfica, a especialización no manexo de paquetes de deseño para a confección de atestados ou de informes e a adopción de técnicas automatizadas para a representación gráfica nos informes”.
Para poder desenvolver con éxito as 60 horas lectivas deste curso, os solicitantes deberán ter instalado nos seus equipos a versión 2000 ou unha superior do programa Autocad, navegador web actual e unha boa conexión a Internet.
A inscrición é de balde e os interesados poderán formalizar a súa matrícula antes do vindeiro 17 de outubro; agora ben, a participación neste curso é incompatible coa admisión dos alumnos noutras actividades da AGASP que se desenvolvan por Internet.