Tecnoloxía galega no concello de Terrassa
mércores, 18 de xuño do 2008
O Concello catalán de Terrassa, logo de vir a comprobar de primeira man o funcionamento das distintas aplicacións implantadas por eLaboro S.L. na Xunta de Galicia e no concello coruñés de Ames, vén de facer unha aposta pola tecnoloxía galega para a modernización da súa área de acción social, coa contratación da devandita empresa a través dun concurso no que participaron varias entidades multinacionais do sector.
Deste xeito, a firma galega eLaboro desenvolverá a partires deste mes de xuño e ata o vindeiro novembro o proxecto que lles permitirá aos veciños de Terrassa beneficiarse da Sociedade da Información á hora de xestionar diversos servizos sociais.
O traballo consiste na adaptación, instalación, formación e mantemento dun software de xestión para os servizos sociais e de saúde da área de acción social e dereitos civís de Terrasa de xeito que se “simplifiquen, racionalicen e automaticen” os procesos do Instituto Municipal de Saúde e Benestar do dito municipio catalán.
Trátase, entre outros, de servizos destinados á atención de persoas sen autonomía persoal e en situación de risco pola súa dependencia física ou psíquica, como a axuda a domicilio, a telealarma ou a teleasistencia.
eLaboro S.L. aplicará as súas solucións baseadas en software libre para implementar un sistema de xestión integral dos expedientes do servizo, coordinando as tarefas entre os participantes e proporcionando sistemas de aviso automático a través de SMS, correo electrónico... Asemade, a empresa galega aplicará un sistema de sinatura electrónica que “simplificará e reducirá de xeito substantivo” os tempos de resposta entre trámites e permitirá o aforro de papel.
As solucións propostas integraranse cos sistemas xa existentes no organismo, co que se facilitará a adaptación progresiva do persoal e un reemprego total dos datos xa existentes.
Plan estratéxico
Por outra banda, o concello catalán de Mollet del Vallés tamén confía na tecnoloxía galega e vén de contactar con eLaboro para o desenvolvemento do portal web do seu plan estratéxico de cidade, o cal pretenden deseñar tomando como referencia o portal xuventude.net da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, baseado na plataforma Liferay, un sistema open source de construción de portais e actual líder mundial.
