Preto de 9.000 usuarios descargaron a nova versión de Ubuntu a través da UDC

venres, 26 de outubro do 2007 Raquel Noya

O pasado 18 de outubro de 2007, logo de que o servizo de FTP da Universidade da Coruña publicara a versión 7.10 do sistema operativo Ubuntu, este rexistrou un tráfico de rede que superou tódolos rexistros históricos ó realizar taxas de transferencia de datos superiores ó terzo da capacidade total da rede da UDC.
Este servizo de FTP da Universidade da Coruña é réplica oficial dende o pasado 7 de xuño, polo que se poden descargar programas de software libre con total dispoñibilidade e neste caso, o gran demandado Ubuntu, é un sistema operativo que se basea na distribución GNU/Linux e que permite estender o uso das novas tecnoloxías con total liberdade nas restricións de uso e de instalación.
Durante a publicación desta distribución, o servizo de FTP da Universidade da Coruña (que mantén a Oficina de Software Libre -OSL-) tivo unhas taxas de transferencia sostidas superiores aos 350 MB por segundo, o que equivale a preto de 100 veces a velocidade dunha liña de ADSL doméstica. Asemade, este servidor de FTP é réplica oficial de case 15 proxectos de software libre recoñecidos en todo o mundo e aloxa unha cifra próxima aos 2.000 XB de datos, converténdose, segundo do responsables, “nunha das meirandes réplicas europeas en canto a espazo de almacenamento e contido”.
A este servizo pode accederse desde múltiplos protocolos de rede, como HTTP, FTP ou RSYNC e en concreto, os proxectos internacionais cos que conta na actualidade son: CPAN, CRAN, CTAN, FreeBSD, NetBSD, OpenBSD, OpenOffice, Fundación Apache, Debian, Gentoo, OpenOffice, Trustix e o propio Ubuntu. Ademais, o servizo acada unha transcendencia maior, se cabe, ao ser:
-Segunda réplica oficial de Gentoo en España.
-Único servizo que ofrece unha réplica de Gentoo por RSYNC en España.
-Segunda réplica oficial de Apache en España.
-Primeiro en España en ser réplica oficial de OpenOffice estendido.
-Terceira réplica de FreeBSD en España e a único que ofrece o servizo por RSYNC.
-Segunda réplica de OpenBSD en España e a única que ofrece o servizo por RSYNC.
-Sexta réplica de Ubuntu en España e a segunda que ofrece o servizo por RSYNC.