As cidades europeas amosan xa claros sinais de confrontación entre os taxistas e os impulsores de Uber
xoves, 12 de xuño do 2014
Seguimos a voltas cunha
polémica de longo alcance: a xerada polo rexeitamento de boa parte
do sector do transporte tradicional ás iniciativas de transporte
alternativo que están a xurdir ao abeiro da Rede co obxectivo de
compartir vehículos e gastos e abaratar custes (plataformas como
Uber de Google ou tamén a aparentemente menos interesada BlaBlaCar,
das
que falamos en detalle hai uns días dando conta das esixencias de
Fomento para garantir que só ós vehículos con licenza de taxi
poidan operar como tales). Pois ben, semella que os internautas
que teñan intención de apostar polos transportes alternativos,
aplicando a este ámbito boa parte das metodoloxías propias das
redes sociais, vano ter máis complicado do que podería parecer.
En contra teñen a
taxistas e autobuses facendo presión ante Fomento para que este
endureza o control sobre estes novos xeitos de movérmonos pola
estrada. Sen ir máis lonxe, o martes houbo paro de taxistas en
varias capitais europeas, entre elas Madrid, cousa
que algúns medios sinalan que foi aproveitado por Uber para
afianzarse e levarase a súa parte.
Os motivos destas
mobilizacións foron comúns: amosar perante as respectivas
administracións que os ditos sectores non están dispostos a
permitir que haxa plataformas que coma as devanditas liguen a
condutores e viaxeiros para compartir gastos. O gremio de
transportistas quere que se regule o emprego destes servizos dende
cada un dos Gobernos europeos.
Como lembraremos, Fomento
emitiu esta semana unha nota na que lembra
a Lei de Ordenamento dos Transportes Terrestres (LOTT) que esixe
que as persoas e empresas que realicen transportes de viaxeiros por
conta allea en vehículos de turismo mediante retribución económica
deberán recibir autorización da Administración. Dende o Ministerio
apuntouse a posibilidade de tomar medidas sobre o asunto, “xa que
estes servizos precisan que a Administración comprobe previamente
que reúnen unhas condicións de seguridade e calidade axeitadas”.
O aviso referiuse principalmente a Uber, posto que nas restantes
plataformas (como BlaBlaCar) o Goberno non ve interese económico
algún senón unha arela simple de compartir gastos. Porén, o
anuncio de Fomento foi de abondo ambiguo como para alporizar a
taxistas e empresas de transporte de viaxeiros por estrada, que viron
no devandito aviso unha licenza de liberdade de movementos para
tódalas plataformas. Para estes colectivos, os usuarios e
responsables destes servizos non contan con requisitos necesarios de
circulación cos que si que conta un taxista, como licenza, seguro de
responsabilidade civil, seguro do vehículo a todo risco, ou ter
pasado a ITV cada seis meses.
Esta confrontación xa
deixou claros sinais de rexeitamento en cidades como Barcelona, onde
Uber xa leva un tempo funcionando ante o malestar dos taxistas, que
queren que se suprima ou desapareza. Este problema, por certo, xa
fixo que esta semana a Generalitat movese ficha, amosando a súa
intención de esixir o cese de actividades de Uber e da aplicación
móbil que o sustenta, amais de anunciar a apertura dun procedemento
sancionador contra a ferramenta e os condutores que lle tiran partido
“prestando servizos irregulares de transporte”.
Cómpre lembrar que Uber
xa está afianzado en determinadas cidades e Blablacar aínda se
atopa en período de lanzamento (un período de lanzamento avanzado,
iso si), e probablemente por este motivo trátase polo de agora dunha
aplicación de balde (en Francia de feito xa se comeza a cobrar unha
comisión polo servizo de reserva en liña). Os responsables deste
servizo teñen manifestado en repetidas ocasións o seu convencemento
na legalidade da súa actividade, xa que din que non hai beneficio
algún para quen oferta a praza libre. Para eles, está claro que
Blablacar ocupa un chanzo diferente aos servizos aos que se refire
Fomento co seu anuncio. Trátase só de compartir gastos, din, non de
facer negocio algún.
As sancións
Volvendo ao dito
comunicado de Fomento e meténdonos xa en cifras concretas, sinalar
que nel establécese que as persoas e empresas que presten servizos
de transporte “en vehículos de turismo sen autorización”
incorrerían nunha infracción moi grave, sancionable con multas de
entre 4.001 e 6.000 euros (que poderían chegar aos 18.000 euros por
reincidencia), sancións que se aplicarían aínda que o servizo fose
prestado a través doutras persoas; a contratación dos servizos de
transportistas non autorizados tamén suporía unha infracción grave
sancionable con multas de entre 401 e 600 euros; e a simple oferta
destes servizos sen autorización tamén sería unha infracción
grave sancionable cunha multa de entre 801 e 1.000 euros.
Como
dixemos o outro día, queda agora pendente de ver e comprobar se as
devanditas advertencias poden afectar ou non á francesa BlaBlaCar,
que ten xa unha boa implantación en España, e que conta con máis
de 8 millóns de usuarios repartidos en 12 países.
Polo que respecta a Uber,
a súa resposta a Fomento e aos paros laborais de taxistas e
transportistas de persoas foi semellante ás emitidas os días
pasados. É dicir, no seu comunicado o servizo de Google reafirmábase
como “non inimigo dos taxistas” e definíndose como “unha
aplicación móbil que pon en contacto a usuarios que buscan
fórmulas de consumo colaborativo e unha maneira máis económica de
desprazarse”. Ao mesmo tempo, os responsables de Uber anunciaron
que xa foron que xa foron quen de multiplicar por un número elevado
o seu número de clientes, engadindo que o número de inscricións do
seu servizo en Londres fora quen de incrementarse nun 850 por cento,
se comparamos a cifra actual coa do mesmo día da semana pasada. En
palabras de Uber, está claro que a xente quere servizos novos e
innovadores, servizos que unan as vantaxes de convocatoria e
colaboración das redes actuais coas tendencias que se impoñen de
transporte sustentable e eficiente.
Sobre o caso de Barcelona
e o rexeitamento dos taxistas locais, Uber escribiu
significativamente no seu blog: “A partir do mediodía de hoxe,
grupos de taxistas tentarán frear o avance desta gran cidade, pero
non vos preocupedes que nos imos ocupar de que Barcelona continúe en
movemento. Ofrecémosche un 50% de desconto en todos os teus
traxectos durante a folga se divides a túa tarifa con outros
usuarios a través da aplicación”.
