Advirten de que hai 85 millóns de dispositivos en desuso ameazando o medio

xoves, 11 de xuño do 2015 Fernando Sarasketa

O ritmo de consumo ao que nos somete o mercado das novas tecnoloxías non é, por moito que se tente reciclar do mellor xeito posible, positivo para o medio ambiente. Dito doutra maneira: non hai maquinaria no mundo que poida tratar axeitadamente tanto dispositivo desbotado. En consecuencia, a natureza reséntese e, sobre todo, a dos países en desenvolvemento receptores da inxente cantidade de refugallos electrónicos que o primeiro mundo xa non quere. O problema, a maiores, é que boa parte deste material aínda non é visible: fica en suspenso, potencialmente perigoso, nos caixóns da nosa casa. Segundo un estudo recente publicado na revista International Journal of Life Cycle Assessment, hai 85 millóns de móbiles en desuso agardando por converterse certamente nun problema.
No estudo, amais doutros datos sobre a oferta tecnolóxica e o seu escasamente sustentable ritmo evolutivo, sinálase que nin as operadoras nin os fabricantes de trebellos intelixentes están a impulsar como deberan a reciclaxe, perpetuando unha situación moi perigosa para o medio que é a de non reempregar axeitadamente os minerais e metais incluídos nos dispositivos. En termos concretos, os investigadores calculan que hai arredor de catro toneladas métricas de ouro que se están a estragar sen aproveitamento. Tanto isto como os 85 millóns de aparellos en desuso dos que falamos antes, implicarían a contaminación do medio ambiente con 84.000 toneladas de dióxido de carbono para a súa substitución completa. Esta polución non sería un problema, de feito nunca chegaría a ser tal, se todos eses móbiles foran reciclados debidamente. Dito doutro xeito: é moito máis positivo darlles unha segunda ou terceira vida aos minerais e metais que acubillan os dispositivos que procuralos e sacalos da terra.