A organización do Vindeira Capital Network 2012 achega máis detalles do encontro
luns, 23 de xaneiro do 2012
Hoxe cúmprese unha semana dende que os responsables do Encontro Vindeira Capital Network presentaron o programa do evento en Santiago de Compostela e abriron o prazo para inscribirse na que será a terceira edición.
Este ano celebrarase os días 10 e 11 de maio no Centro de Estudos Avanzados da USC, onde promotores de proxectos de novas empresas tecnolóxicas, previamente seleccionados, poderán optar a fondos para investimento por valor de ata corenta millóns de euros.
As persoas interesadas en participar cos seus proxectos deberán inscribirse antes do 17 de febreiro na web oficial do evento, onde hai habilitado un formulario a tal efecto.
Este III Encontro VCN está organizado por Vindeira-Plataforma Tecnolóxica Galega das TIC, en colaboración coa USC e Bic Galicia, entidade que, por certo, vaise encargar de achegarlle formación de balde aos e ás emprendedoras seleccionadas para participar cos seus proxectos.
Durante os dous días que dura o encontro, os emprendedores seleccionados terán a oportunidade de dar a coñecer os seus proxectos e ideas e convencer aos posibles inversores para que apoien a constitución de novas empresas, ou ben amplíen as xa existentes.
Na edición deste ano, segundo informaron na USC, “está previsto a implicación de preto de medio cento de investidores tanto galegos como do ámbito nacional e internacional, favorecendo o inicio de novas roldas de financiamento e afianzando a rede de apoio á creación de start-ups do sector TIC en Galicia”.
O proceso de pre-selección xa se iniciou coa apertura do período de inscricións para os proxectos que aspiran a obter financiamento, e a seguinte etapa será do 20 ao 24 de febreiro, semana na que se desenvolverá o proceso de preselección por parte dunha comisión vinculada ao sector, a cal se encargará de identificar a adecuación das propostas ás características de proxecto esperadas polos investidores que asistan.
Posteriormente, entre marzo e abril, celebrarase a Venture Academy, que este ano impartirá, como apuntamos, BIC Galicia. Trátase dun completo programa de formación continua e de mentorización de proxectos, que será obrigatoria para os emprendedores seleccionados para participar en VCN.
Tamén no mes de marzo a organización ten previsto realizar unha xornada de detección de spin-outs, que ten como obxectivos identificar oportunidades de negocio baseadas en tecnoloxías desenvolvidas dentro de empresas xa existentes, e animando á creación de spin-outs que revertan en beneficios financeiros, tecnolóxicos e estratéxicos para a empresa matriz.
As posibles spin-outs detectadas, tras pasar por unha breve formación, tamén poderán participar no evento de maio de 2012.
Os promotores de VCN, que presentaron os detalles desta III edición a pasada semana, anunciaron que será unha prolongación do feito ata o de agora, coa que se tratará de “continuar e mellorar a iniciativa posta en marcha no 2010”.
O obxectivo volve a ser, un ano máis, dar a coñecer o tecido empresarial galego e atraer o interese de potenciais investidores, que poidan apoiar a creación de novas empresas e afianzar o futuro do sector TIC galego.
